sábado, 14 de marzo de 2009

BABEL

Dejo este artículo que se publicó a los pocos días del atentado del 11-M en Atocha.
"As primeiras referencias bíblicas á linguaxe como facultade diferenciadora dos seres humanos, que os salienta do resto das criaturas, están no libro do Xénese. A primeira no principio mesmo: a palabra coma pulo ou motor da obra divina, o Verbo, que Deus entrega a Adán para que nomee as cousas todas do Paraíso, pois nomeándolas coñéceas e, coñecéndoas, convértese no seu dono e señor. É o que hoxe denominaríamos unha Teoría do Coñecemento, presentada a través do mito. Máis tamén unha Teoría do Poder, resultado dese coñecemento. Nomear as cousas (ser dono da linguaxe) equivale a posuílas. A lingua é a representación simbólica do mundo que unha colectividade humana herda dos seus avós e transmite aos seus netos. Nace da memoria, dialoga co presente e proxéctase cara o futuro segundo a vontade e os intereses dos seus falantes. No discurso do Xénese é unha cualidade que recibimos de Deus. En gran medida (non en exclusiva) é tamén a expresión da identidade do grupo, un feito social que nos cohesiona e, en certo xeito, cando menos nas sociedades tradicionais, instálase sobre un espazo físico, un territorio, que tamén se considera propio.
A noticia da morte de Napoleón en Santa Elena (1821) tardou semanas en chegar a París, e algúns contemporáneos seus, vellos soldados que fixeran ao seu carón as guerras de Europa, morreron sen enteirarse nunca do seu pasamento, pensando que o Emperador vivía, e mesmo que volvería outra vez. Tódolos grupos humanos necesitan crer nalgo. Os vencedores na victoria. Os vencidos, na posibilidade de recuperar o que perderon. En calquera caso, a información é fundamental. “Non importa como son as cousas”, dille o Coello a Alicia na novela de Lewis Carroll, “o importante é saber quén é o dono das palabras”. Hai case dous mil catrocentos anos, Aristóteles advertía aos seus discípulos que a realidade, a efectos sociais, é sobre todo apariencia (somos o que parecemos). Por iso é tan importante a información. Por iso o Poder ansía controlala sempre, Quen administra o discurso administra a realidade (e a vida), e para comprender a realidade é fundamental ter noticia do que acontece."
VICTOR FREIXANES
(La Voz de Galicia. Dereito á información. 20 de marzo de 2004)

No hay comentarios:

Related Posts with Thumbnails